Este ano para a celebración do día de Rosalía, o día 23 de febreiro, todo o colexio colaborou coa proposta do Equipo de Dinamización da Lingua Galega realizando un vídeo colaborativo sobre a vida e obra da autora.
Ese día preparamos a biblioteca para a gran estrea da docu-serie "Unha viaxe pola vida de Rosalía". Fixéronse dous pases, primeiro asistimos todo o alumnado e profesorado e despois as familias.
Como xa sabedes, este ano o tema anual elixido no colexio é "Xeracións unindo tradicións", polo que aproveitamos a ocasión para encargarlle os oleiros de Buño que nos realizaran un prato coa figura de Rosalía de Castro e formase parte deste espazo. Pareceunos que o seu referente debía ter o seu lugar na nosa biblioteca polo que significa para a transmisión e defensa do galego tanto a nivel escrito como oral e tamén como muller.
Ademais a olería forma parte dun oficio tradicional da comarca e este curso polo Entroido iremos disfrazados de oficios tradicionais, polo que tamén é unha maneira de promocionar e valorar a nosa cultura e tradicións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario