mércores, 20 de xaneiro de 2021

MARTES 26: UNHA CHAMADA Á CALMA

Benvidos e benvidas!! As propostas de hoxe están baseadas na calma e imos facer unha chamada á tranquilidade. Partimos da idea de que a paz parte dun mesmo e só así poderemos resolver da mellor forma posible os conflitos que nos xurdan.

Velaquí vos deixo varias propostas. Podedes facelas todas ou escoller a que máis vos guste.


QUE SE NOS ACABAN AS PILAS!!

O obxectivo deste xogo é pasar da tensión e a actividade á relaxación e á tranquilidade. Debedes facer movementos co corpo segundo as indicacións que se vos dan.

A vosa mestra ou mestre diravos o seguinte💬: imos xogar a un xogo, imos ser robots que funcionan con pilas. Primeiro, teremos as pilas novas e podemos xogar e correr con rapidez. Teredes que correr libremente dun lado ao outro da aula ou dar voltas o máis rápido que poidades.

Despois diranvos: "xa se gastou unha parte das pilas, así que agora só podedes correr máis lento. A ver como diminuides a velocidade".

Continuarase con diferentes ordes similares a esta ata que se diminúa máis a velocidade. Despois dun cachiño, o mestre/a diravos que as pilas están pola metade, que non poden correr e que só podedes camiñar.


Despois diráselle: "as pilas estanse acabando e cada vez cústanos máis movernos. Cada vez movémonos máis amodo... máis amodo... máis amodo. Cada paso que damos cústanos moito máis, estamos esgotando toda a enerxía das nosas pilas e imos quedar deitados no chan un anaco".
Agora que xa estades ben relaxadiños/as, podedes levantarvos. Seguro que xa vos atopades en calma 🙇




IOGA
Agora que xa movestes o voso corpiño, é momento de relaxarse e volver á calma. Déixovos un vídeo de ioga coas posturas dos animais.


Se vos animades a seguir facendo ioga, buscade en Youtube "Alba Ermida Ioga" e atoparedes diferentes vídeos en galego.


A POMBA DE PAPEL
Imos facer unha pomba de papel, un barco ou calquera outra figura que saibades. Pintádeo e decorádeo ao voso gusto.

Como facer unha pomba de papel?


Como facer un barco de papel?


Agora que xa o tedes listo, deitádevos no chan boca arriba e colocade a pomba/barco na vosa barriga. Inspirade e expirade, veredes como se moven. Repetide isto varias veces ata que consigades estar ben relaxados e relaxadas.

Agora que xa estades tranquiliños, podedes continuar a xornada 😊 Lembrade que podedes recurrir a este tipo de propostas cando vos atopedes axitados.

Un bico sen ruído,


Ningún comentario:

Publicar un comentario