xoves, 28 de xaneiro de 2021

SAIMOS NA TVG

Sabiades que onte o noso colexio salíu na TVG?? Pois sii, o alumnado de 6.º de Educación Infantil e dúas mestras foron convidadas/os a participar no programa "Quen anda aí?" para falar do premio acadado no concurso "Nós tamén creamos!".

Queredes ver a súa aparición na tele? Velaquí vos deixo un vídeo:

Éncheme de orgullo que a nosa rapazada se implicase tanto na adaptación do conto 💓 E a vós, familias, millóns de grazas por achegar onte á tarde ao colexio a todos os actores e actrices para poder participar nesta proposta. Millóns de grazas!! 😍

Un saúdo,



martes, 26 de xaneiro de 2021

UNHA BOA NOVA, RECIBIMOS UN PREMIO

Hoxe estou moi ledo. O alumnado de Educación Infantil resultou premiado no concurso "Nós tamén creamos!" na categoría 1 coa curtametraxe titulada "Mariluz avestruz". Moitos parabéns!! 👏👏

Velaquí vos deixo a CURTAMETRAXE:

Aquí tedes o making off para saber COMO O FIXERON:

Tamén podedes ver a nosa curtametraxe na páxina da CRTVG:

http://www.crtvg.es/infantil/programas/nos-tamen-creamos-2020

Moitos parabéns a todos e a todas as participantes, aos gañadores/as e, en especial, ao noso alumnado de 6.º de Educación Infantil 😍 Convidámosvos a ver tamén as curtametraxes premiadas nas outras categorías, unha delas feita polos nosos veciños/as do colexio da Laracha.

Agora déixovos unhas ligazóns onde se fala do premio que recibimos 🎁

  • Resolución do concurso no Portal da Lingua Galega:
https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0116/resolucion-dos-premios-nos-tamen-creamos-curtas-animacion-galego-2019-2020
  • Resolución do concurso no Portal educativo da Xunta:
https://www.edu.xunta.gal/portal/node/33045
  • Nova no xornal La Voz de Galicia:
https://www.lavozdegalicia.es/noticia/carballo/carballo/2021/01/27/dous-colexios-bergantinans-ganan-os-premios-nos-tamen-creamos/0003_202101C27C6991.htm

Estou moi orgulloso de vós. Unha aperta virtual,



mércores, 20 de xaneiro de 2021

DÍA ESCOLAR DA NON VIOLENCIA E A PAZ

Ola raparigos e raparigas!! Como estades? Que tal levades estes días de temporal? Agardo que vos esteades coidando moito!! Hoxe veño para contarvos que, dende o luns 25 ao venres 29 deste mes, imos celebrar Día Escolar da Non Violencia e a Paz.

En cada clase recibiredes un folio como o que vos vou presentar a continuación. Como vedes, conta con diferentes códigos QR que, cada día, debedes escanear e realizar a proposta. Recordade que podedes adaptalas aos vosos ritmos e tarefas, é dicir, se algún día non podedes facelas polo motivo que sexa, podedes facelas ao seguinte. Agardo que vos gusten 😀


Ademais, na entrada do colexio hai unha exposición de libros sobre a temática. Velaquí vos deixo os seus títulos.


Un saúdo,



VENRES 29: REFLEXIONANDO CON BANSKI

Xa remata esta semana e, con ela, a celebración desta conmemoración. Hoxe propóñovos a reflexión sobre algúns cadros de Banski. Podedes escoller un, dous ou facelos todos, vós decidides.

Primeiramente, imos facer unha chamada á calma onde, tranquilamente, comezaredes por observar os seguintes cadros sen comentar nada.


CADRO 1


CADRO 2

Agora, ímonos guiar polas seguintes preguntas baseadas na Filosofía para Nenos:

  • Que vedes na imaxe?
  • Que está pasando?
  • Que pensas que tapa a pegatina branca en cada un dos cadros?
  • Agora buscade o cadro orixinal para ver que está agochado na zona branca. Unha vez observedes o cadro completo e, coa axuda do voso mestre ou mestra, reflexionade sobre o cadro completo.

Agora, como última actividade, acudide ao patio no horario sinalado e sacade unha foto co muro da paz. Xunto a el, no chan, podedes escribir algunha palabra significativa. Estou desexando ver as vosas fotos 😀


Un saúdo,

XOVES 28: FACEMOS UNHA BOTELLA DA CALMA

Benvidos e benvidas un día máis ás propostas de celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz. Hoxe imos facer unha botella da calma. Sabedes o que é? Tedes algunha na vosa clase?

Velaquí vos deixo algunhas ideas para que poidades facer a vosa:



Na seguinte ligazón, podedes acceder a unha páxina onde se explica como facela paso a paso:

Algúns dos materiais que podedes precisar son:

  • Un bote de cristal ou unha botella de plástico (máis ben alta).
  • Purpurina da cor que queiras.
  • Pegamento glitter ou transparente.
  • Auga templada.
  • Colorante alimentario.

Cando a teñades lista, podedes crear nas vosas aulas un recuncho da calma.

Biquiños,

MÉRCORES 27: O MURO DA PAZ

Que tal estades raparigos e raparigas? Xa chegamos ao ecuador da semana e hoxe tráiovos unha proposta artística. Queredes saber de que se trata?

O venres, imos facer un muro e, para iso, precisamos construír uns ladrillos con caixas. Como veredes, as vosas mestras e mestres entregaranvos unha caixa de cartón e un folio coa palabra paz en diferentes idiomas que debedes decorar. Unha vez a tedes lista, pegarédela na caixa.

Cada aula elaborará un ladrillo e, o venres, imos construír con eles un muro co que sacaremos unha foto. Isto farese no patio exterior se o tempo o permite, senón no hall da entrada.

Mans á obra!!

Unha aperta,



MARTES 26: UNHA CHAMADA Á CALMA

Benvidos e benvidas!! As propostas de hoxe están baseadas na calma e imos facer unha chamada á tranquilidade. Partimos da idea de que a paz parte dun mesmo e só así poderemos resolver da mellor forma posible os conflitos que nos xurdan.

Velaquí vos deixo varias propostas. Podedes facelas todas ou escoller a que máis vos guste.


QUE SE NOS ACABAN AS PILAS!!

O obxectivo deste xogo é pasar da tensión e a actividade á relaxación e á tranquilidade. Debedes facer movementos co corpo segundo as indicacións que se vos dan.

A vosa mestra ou mestre diravos o seguinte💬: imos xogar a un xogo, imos ser robots que funcionan con pilas. Primeiro, teremos as pilas novas e podemos xogar e correr con rapidez. Teredes que correr libremente dun lado ao outro da aula ou dar voltas o máis rápido que poidades.

Despois diranvos: "xa se gastou unha parte das pilas, así que agora só podedes correr máis lento. A ver como diminuides a velocidade".

Continuarase con diferentes ordes similares a esta ata que se diminúa máis a velocidade. Despois dun cachiño, o mestre/a diravos que as pilas están pola metade, que non poden correr e que só podedes camiñar.


Despois diráselle: "as pilas estanse acabando e cada vez cústanos máis movernos. Cada vez movémonos máis amodo... máis amodo... máis amodo. Cada paso que damos cústanos moito máis, estamos esgotando toda a enerxía das nosas pilas e imos quedar deitados no chan un anaco".
Agora que xa estades ben relaxadiños/as, podedes levantarvos. Seguro que xa vos atopades en calma 🙇




IOGA
Agora que xa movestes o voso corpiño, é momento de relaxarse e volver á calma. Déixovos un vídeo de ioga coas posturas dos animais.


Se vos animades a seguir facendo ioga, buscade en Youtube "Alba Ermida Ioga" e atoparedes diferentes vídeos en galego.


A POMBA DE PAPEL
Imos facer unha pomba de papel, un barco ou calquera outra figura que saibades. Pintádeo e decorádeo ao voso gusto.

Como facer unha pomba de papel?


Como facer un barco de papel?


Agora que xa o tedes listo, deitádevos no chan boca arriba e colocade a pomba/barco na vosa barriga. Inspirade e expirade, veredes como se moven. Repetide isto varias veces ata que consigades estar ben relaxados e relaxadas.

Agora que xa estades tranquiliños, podedes continuar a xornada 😊 Lembrade que podedes recurrir a este tipo de propostas cando vos atopedes axitados.

Un bico sen ruído,


LUNS 25: O LAPIS MÁXICO DE MALALA


Hoxe damos comezo ás propostas para a celebración do Día Escolar da Non Violencia e a Paz e, neste caso, está relacionada con Malala. Sabedes quen é?

Malala é unha muller que, de nena, viviu nun país en guerra onde, a pesar de todo, loitou polos seus propios dereitos. Fíxoo con tal valentía que gañou o Premio Nobel da Paz. 

Existe un libro titulado O lapis máxico de Malala onde se conta a súa historia.

Agora anímovos a realizar un pequeno traballiño. Estades preparados/as?

PARA AS NENAS E NENOS DE EDUCACIÓN INFANTIL, 1.º E 2.º EDUCACIÓN PRIMARIA



PARA AS NENAS E NENOS DE 3.º, 4.º, 5.º E 6.º DE EDUCACIÓN PRIMARIA

Despois de coñecer a historia de Malala, intentade escribir unha historia na que a paz sexa a protagonista.


Moito ánimo!! Seguro que facedes unhas creacións preciosas 😍 Enviade foto das vosas producións  ao correo da biblioteca para poder compartilas no blog 📷 Tamén podedes facer algún vídeo lendo as vosas historias 👏


Un saúdo,