martes, 12 de maio de 2020

A FRECHA MÁXICA

Bo día amiguiños e amiguiñas!! Que tal comezou este martes?? Hoxe tráiovos unha actividade de ciencia que vos fará pensar. É unha idea que atopei esta fin de semana na páxina web "ÁrbolABC". Neste caso é un experimento sobre a refracción da luz e chamámolo a frecha máxica ➡️⬅️.

Con este experimento que máis ben semella un acto de maxia, cambiaredes a dirección dunha frecha sen tocala!! Atrevédesvos??
La flecha mágica 1


Precisaredes:
  • Un vaso de vidro.
  • Auga.
  • Un papel co debuxo dunha frecha.



Pasos a seguir:

1. Debuxade unha frecha horizontal no papel e enchede o vaso con auga.

La flecha mágica 2

2. Sen perder de vista o vaso, suxeita o papel detrás deste e móveo lentamente cara atrás. Observade o que ocorre 👀 Notaredes que, ao acadar certa distancia, a frecha parece apuntar na dirección contraria como por arte de maxia!!

La flecha mágica 3

3. Volvede realizar o mesmo pero co vaso baleiro. Observaredes que non se produce un cambio na dirección na que apunta a frecha.

Agora a pensar: Por que ocurrirá isto?

Se xa pensastes, vouvos explicar o motivo. Agardo que non fagades trampas 🙊 Aínda que todo o que acaba de ocorrer pareza maxia, a resposta atópase na ciencia. Cando a luz pasa dun material a outro, pode dobrarse ou refractarse. Neste experimnento, a luz viaxou dende o aire, atravesando o vidro, logo a auga e a parte posterior do vidro. Finalmente, a luz volveu polo aire, antes de acadar a frecha.


👉AGORA UNHA CURIOSIDADE👈 Sabiades que as lentes das gafas funcionan grazas á refracción? As lentes son pezas de vidro que dobran os raios da luz o suficiente para enfocar as imaxes e permitir que as persoas que o necesitan, vexan correctamente 👓👀

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

O venres celébrase o Día da Familia. Gustaríame que fixésemos un vídeo conxunto de todo o cole para dedicarlles unhas palabras ás persoas que tanto queremos. Que tedes que facer? Gravade un vídeo enviándolle unha mensaxe a alguén da familia que botedes de menos, dicindo por que queredes á vosa familia, que vos gusta facer con ela... Facédenolos chegar por correo electrónico (equipobibliosanluis@gmail.com) ou a través dos vosos titores/as. Tedes de prazo ata o xoves á mañá.
O venres publicaremos o resultado final. Animádevos!! 💓


Un saúdo,
Fidalgo.





Ningún comentario:

Publicar un comentario