Bo martes!! Que tal estades?? Destes co resultado da pregunta de onte? Fostes quen de localizar a letra A no cadro de Giotto?? Estou seguro de que sí. Mirade mirade 👀👀 aquí está:
Agora que xa desvelei a resposta, explícovos o reto de hoxe. Imos construír un pluviómetro. Sabedes que é? É un instrumento que se emprega para recoller datos das precipitacións, é dicir, do que chove. Como vedes, estes días están un pouco pasados por auga así que, como se adoita dicir, esta actividade vén como anel ao dedo.
Para construílo, seguiredes estes pasos:
1. Quitade o tapón dunha botella de plástico e cortade a parte superior. Facede un funil dándolle a volta e pegádeo na outra parte con cinta adhesiva.
2. Colocade este pluviómetro caseiro no exterior da vosa casa, no xardín ou nunha fiestra. Poñédelle varias pedras ao redor para que non caia co vento.
3. A actividade comeza ao día seguinte. Mirade se hai auga. Se hai, medide a profundidade cunha regra e apuntade os cm. Logo tirade a auga e volvede deixar o pluviómetro onde estaba.
4. Cada día, durante unha semana e sempre á mesma hora, medide a profundidade da auga recollida e apuntádea nun diagrama. Déixovos un exemplo.
Así podedes rexistrar canto choveu cada día e analizar que día choveu máis, cal menos... Así como podedes traballar unidades de medida como os centímetros (cm).
Agardo que o poñades en práctica.
Fidalgo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario